
NOVAS
Venres 27 de maio de 2011:
Visita do escritor José Ángel Xesteira
Xoves día 07 de xaneiro de 2011:
Reunión 2ª Lectura.
Xoves día 25 de novembro de 2010:
Reunión 1ª Lectura.
Xoves día 28 de outubro de 2010:
Reunión de constitución do Club.
Unha nova andaina: o club de lectura
Desde a biblioteca do centro, vimos observando desde hai tempo que o noso alumnado demanda só libros técnicos afíns ás materias que conforman o ciclo formativo que estudan, en detrimento dos libros de lectura persoal, íntima e de lecer; ante esta situación, o curso pasado empezouse a fomentar a lectura doutros libros que recomendabamos, ben por ser os máis lidos pola xente destas idades, ben por ser libros que considerabamos que pola súa temática podían ser do seu interese. Destas recomendacións e dos contactos co persoal da biblioteca ou con algúns profesores que mostraban un grande empeño en formar lectores autónomos e críticos, puidemos ver a importancia que tiña o contacto directo, as recomendacións e o intercambio de opinións, sobre todo para facer novos lectores. Fomos conscientes de que o hábito ou o gusto por ler adquírese nun ambiente social creado polos adultos próximos ao alumnado, como é neste caso a escola, os profesores e a biblioteca e, polo tanto, estes son os espazos naturais para a sensibilización e socialización do proceso lector, para a adquisición de destrezas lectoras e do gusto pola lectura.
Estas reflexións desembocaron ineludiblemente na idea de crear un club de lectura no que teña cabida todo o persoal da comunidade escolar que voluntariamente e de forma libre queira participar e, na primeira xuntanza que tivemos os profesores no mes de setembro, exponse o proxecto. A idea foi apoiada pola maioría dos profesores, o cal nos dá o pulo necesario para comezar a nosa nova andaina. Desde ese momento queremos que o noso club de lectura sexa un espazo participativo de reunión no que calquera membro do colexio Mendiño poida involucrarse para intercambiar ideas, experiencias e valores sobre as obras escolmadas con anterioridade.
As finalidades deste club de lectura son:
A medida que a xente vai mostrando interese por participar no club de lectura iremos facendo unha recollida de datos nunhas follas deseñadas para facer a inscrición, de forma que poidamos convocalos para a primeira reunión. Nela explicaremos o funcionamento e o calendario de reunións do club, así como os libros seleccionados. Tamén escolleremos un nome para o noso club, escoitadas as propostas que xurdan. Presentarase a coordinadora quen, á súa vez, presentará a todos os membros para poder coñecerse e sentirse máis próximos e, unha vez decidido todo o calendario, repartiranse os libros en réxime de préstamo para volver a vernos o día acordado.
Ademais das datas sinaladas para comentar o libro en cuestión, acompañaremos as sesións doutras actividades tales como: encontro con algún escritor dos seleccionados, visita aos espazos e percorridos que serven de escenario nalgunha das obras seleccionadas, visualizado en cine ou vídeo de películas baseadas nas novelas que se van lendo, se as houber, ou doutros filmes relacionados coa temática.
Finalmente, daremos por rematado o club de lectura no mes de abril, de forma que o día 28 deste mes faremos un evento especial como un intercambio de libros entre cada un dos membros participantes, no que cada un terá que traer o libro que máis lle gustara de todos os que lera (ben polo contido, forma, ilustración, autor, etc.) envolto como un agasallo e cunha dedicatoria na que explique cal foi o motivo da súa selección. Unha vez que todos aportaran un libro, sortéanse de forma que cada un leve un sen ser o seu. O día 29 deste mes, día no que celebraremos no centro o día internacional do libro, trataremos de facer un encontro cun dos autores dos nosos libros lidos para que veña ao centro nese día.
Para a fin de curso, alá polo mes de maio, procuraremos levar a cabo unha saída por Vigo e arredores, seguindo o itinerario da terceira novela elixida.